A teoloxía política non é a politización da teoloxía. Por iso neste foro buscamos reflexionar sobre as implicacións políticas que ten toda afirmación teolóxica desde a lóxica evanxélica e a opción preferente polos máis pobres tal e como nolo ofrece nas súas cartas pastorais e encíclicas o Papa Francisco.
Tiñamos un pouco de medo a que a asistencia se vira minguada nestes tempos de post-covid, pero unha vez máis, a fidelidade das persoas amigas que encheron o Salón de actos do Colexio da Compañía de María de Santiago fíxose patente. Como novidade, este ano retransmitimos en directo, vía Imstagram, os relatorios do Foro, facilitando a asistencia a quen tivo difícil desprazarse a Compostela. Mesmo quen ese día tivo outras tarefas e non puido participar, poderá ver en diferido as diferentes intervencións na nosa canle de Youtube. ...e por suposto, para quen prefira un goce máis calmo e de vagar, máis reflexivo, o próximo número da revista Encrucillada publicará os contidos do Foro, como xa é habitual.
Abriu o tema Carlos García de Andoin Martín, un home implicado en moitos dos últimos cambios lexislativos deste país, mostrándonos a maneira de entender a xeopolítica desde as premisas do maxisterio do papa Francisco. Os xestos de Francisco responden a unha estratexia clara de cambio na forma de situarse ante os acontecementos políticos e sociais desde o lugar dos últimos, inspirado no funcionamento dos movementos populares. Andoin desmontou as falacias mediáticas que buscan desacreditar o pontificado de Francisco expoñendo a coherencia de todos os seus xestos, ordenados a unha visión da política ao servizo das persoas, de todas as persoas.
Logo Sebastián Mora Rosado, desde a súa experiencia nos lugares de exclusión e a cátedra académica, expuxo como entender a economía, a global e a particular, dun xeito novo, alternativo, desde a premisa clara de non deixar a ninguén fóra. Mostrounos que outro mundo é posible, que hai alternativa á orde económica mundial, que o mercado non é máis ca unha elaboración humana, e, como tal, pode ser modificado á nosa vontade.
Pola tarde, Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, muller labrega implicada nos procesos de transformación que o noso rural vive e ofrece, achegou os postulados económicos e políticos do Papa Francisco á realidade social galega, poñendo corpo e terra ás propostas políticas do papa Francisco. Desde a ecoloxía do coidado, desde os nosos xeitos tradicionais de organización e produción, pódese vivir doutra maneira, máis sostible, máis responsable, máis respectuosa coa creación, máis cristiá.
Pechou a xornada a música de Bea a de Estrella, que percorreu a parte máis social e política do seu repertorio, ofrecéndonos algunha primicia do seu novo traballo, Mareira, en proceso de publicación.
No descanso da mañá, María Cancelo presentounos a Escola de Espiritualidade que tamén retoma a actividade presencial despois da pandemia iniciando un novo ciclo de catro anos. Tendes máis información no seu blog. https://escoladeespiritualidade.blogspot.com/
Tamén tivemos á disposición do público os últimos libros escritos por persoas do consello de Encrucillada: Na soleira do Deus da vida, de Manolo Regal, Cuando Dios habla no solo en masculino. La teología feminista, de Carme Soto Varela, e Oda a Xesús Cristo, de X
osé Antón Miguélez.
osé Antón Miguélez.
Un ano máis, non podemos máis que agradecer a asistencia e apoio das persoas que, cada ano, nos mostran a súa fidelidade e amizade. Encrucillada mantense viva grazas a elas.
Vémonos no XXXVI Foro, se Deus quer, o ano que vén!!
Marisa Vidal
Asoc. Encrucillada